Os Remedios de Mondoñedo, pasado, presente, futuro e ser

Resumen

Se tivese que elixir un lugar de Galicia, sen dúbida, quedaría co campo dos Remedios de Mondoñedo. O motivo é que é unha atalaia privilexiada, por paisaxe, arquitectura e historia, para coñecer mellor o devir histórico da nosa terra.

Os terreos que actualmente abranguen o campo dos Remedios son próximos aos castros de Zoñán e da Recadieira. E as vistas do espazo, incomparables, dan ao Santuario dos Picos e á montaña e converten o emprazamento nun lugar privilexiado para quen busque un entorno natural que aporte paz.

Os Remedios son xuntanza popular e comercio. Nos arredores da Alameda se celebra anualmente a Feira das San Lucas, a máis antiga de Galicia, documentada dende o ano 1156, en tempos do rei Afonso VII. Por volta do 18 de outubro e coa baixada dos cabalos da serra, esta zona convértese no centro neurálxico da Mariña, a Chaira e o occidente asturiano. Compra e venda de gando, postos de artesanía, feira, concertos e polberías son sinónimo de outono na Mariña. Outras datas de referencia festiva da zona son As Quendas, a primeiros de maio, e a Virxe dos Remedios, en setembro.

Os Remedios, son, tamén, respecto á natureza e o entorno. A alameda é unha das máis antigas do Estado, un lugar ideal para perderse ou para pasear e, nela, está documentada a festa da árbore máis antiga da Península, que data de 1569 e foi iniciativa do alcalde Luís de Luaces, co obxectivo de manter a masa forestal da zona. Un sinxelo xesto, traer unha pequena árbore para plantar no campo d´Os Remedios, que tiña que traer un veciño, é a orixe da actual alameda.

mondoñedo (1)
Alameda dos Remedios, co hospital de San Paulo e San Lázaro e o centro de saúde ao final.

E Os Remedios son, tamén, espiritualidade. O actual santuario católico, con planta de cruz latina e que data do século XVIII (1738), é, en realidade, unha reedificación dun templo que xa estaba presente no XVI (1558). Aínda que é pequeno en tamaño, é moi importante pola súa significación, posto que a Virxe dos Remedios é a patroa da diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Santuario da Virxe dos Remedios
Santuario da Virxe dos Remedios

En definitiva, é difícil que nun espazo tan pequeno como o campo dos Remedios se concentre tanta enerxía durante todo o ano. Como lugar de coñecemento e conexión, é un dos máis importantes de Galicia, e aconsello visitalo se alguén vai por Mondoñedo.

Scroll al inicio
Abrir chat
1
Latexos de Turismo
Hola
¿En qué podemos ayudarte?
Ir al contenido