Varias persoas habitadas por un mesmo ser: un cabaleiro sen espada. Humilde e doce que transmite maxia a través da palabra… 💚💚💚
Francisco Manuel López Martínez, a persoa que coñeceu en vida e homenaxeou a Camilo José Cela cun soneto acróstico… así firma esa obra. Que o Nobel gardou e rexistrou coa data: 23 de xullo de 1988.
Manolo o guía do museo da pesca de Fisterra… a alma do Finisterrae galego. Recibe e encanta coa súa doce voz aos visitantes que chegan a ese lugar. Unha visita de 20 minutos que finalmente son 40, ou o que lle cadre! Manolo foi mariñeiro, e foi el quen creou ese pequeno e GRAN museo… como diría Emilia Pardo Bazán de telo coñecido… un hombre GRANDE de su tiempo…
Alexandre Nerium, o poeta… o cabaleiro do mar… o autor de varios libros, o seu último: Ara do Mar, Poesía a Fisterra, unha obra multilingüe que recompila textos de numerosos autores internacionais que falan de Fisterra. Resultado dun longo traballo de investigación de máis de 15 anos…
A este home podedes atopalo a diario no seu lugar de traballo, no Museo da Pesca de Fisterra. Tiven a gran fortuna de coincidir con el nun acto sobre o Camiño de Santiago e a espiritualidade, alí, na súa terra, en Fisterra. Foi así como o destino quixo poñelo no meu humilde camiño… Agradecemento infinito ao universo por ter atopado neste camiñar a seres coma este home, no fin do mundo; ou a F. Paco Castro, na orixe… en O Cebreiro.
E vexo, que somos moitos os que conectamos coa maxia deste ser… Comparto este enlace ao programa Caderno de Bitácora da TVG, no que lle fan unha homenaxe… Súmome ao seu clube de fans 💚💚💚!
A ti, que me les… só podo recomendarche que descubras a este gran ser humano, no Museo de Fisterra, ou a través das súas obras… e ao mesmo tempo, te descubras a ti:
Andar cara á Fisterra; ese Camiño coas pegadas do Apóstolo Santiago e o Santo Cristo da dourada barba; que dá a Praia da Area e ao Centulo; derrota que forxou Erich Lassota; Martín Sarmiento; Ilsung, Borrow; Laffi; peregrinos de sal e de fatiga. Neste abismo atopáronse a si mesmos; derradeiro crepúsculo das almas.
Cancioneiro do Camiño – Alexandre Nerium